Son:
Mondariz, 22 de decembro de 2009.- O padroado da Fundación Mondariz Balneario (FMB), ó que pertence Aguas de Mondariz, concedeulle á escritora Emilia Pardo Bazán, a título póstumo, a primeira distinción “Embaixador de Mondariz”, creada para honrar a aquelas persoas que destacan ou destacaron na divulgación dos valores que veñen caracterizando a historia de Mondariz Balneario.
Con esta distinción, outorgada por decisión unánime de todos os membros do padroado da Fundación, a institución pretende tributar unha homenaxe á figura de Emilia Pardo Bazán pola súa contribución á conversión de Mondariz-Balneario nun reputado centro social, intelectual e cultural en toda Europa durante os séculos XIX e XX.
A entrega do título de “Primeira Embaixadora de Mondariz” a Emilia Pardo Bazán tivo lugar este mediodía nun acto celebrado no Balneario de Mondariz, onde a actual Condesa de Pardo Bazán, María del Carmen Colmeiro Rojo, foi a encargada de recoller a distinción de mans do presidente da FMB, Javier Solano. A este acto acudiron, entre outros persoeiros, o alcalde do Concello de Mondariz Balneario, José Antonio Lorenzo; o ex presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro; e o director xeral de Aguas de Mondariz, Javier R. Losada.
Mondariz nos textos de Pardo Bazán
No transcurso da homenaxe, tamén tivo lugar a presentación do libro “Mondariz en los textos de Emilia Pardo Bazán. Antología (1887-1919)”, publicado pola Fundación Mondariz Balneario en colaboración ca Real Academia Galega e baixo a coordinación de Patricia Carballal Miñán.
Neste libro analízase a relación da condesa co entorno de Mondariz e recopílanse as múltiples referencias, opinións e comentarios que Emilia Pardo Bazán publicou sobre o municipio de Mondariz Balneario, o Gran Hotel Balneario de Mondariz e a vida social e os encontros con intelectuais da súa época.
O libro conta cunha introducción do ex presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, e un prólogo do cronista oficial da Vila de Mondariz Balneario, Alfonso Paredes.
Novo padroado da FMB
A homenaxe á figura da escritora Emilia Pardo Bazán é o primeiro evento que organiza a Fundación Mondariz Balneario dende a modificación da composición do seu padroado, que foi aprobada o pasado día 17 de novembro. Con ditos cambios, a FMB integra no seu principal órgano de dirección a institucións públicas como a Consellería de Cultura e Turismo, a Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Mondariz Balneario, así como a empresas como Aguas de Mondariz e Balneario de Mondariz.
Ademais, a FMB, que está apoiada por máis de cen colaboradores -entre particulares e empresas-, aprobou na devandita reunión as liñas de traballo para 2010, centradas en tres eixos: o seu compromiso medioambiental, a divulgación dos valores deportivos e a educación para unha vida sá.
Asemade, a Fundación despedirá o ano 2009 ca organización do primeiro evento musical incluido na programación oficial do Xacobeo 2010: un concerto de música clásica da Czesc Symphony Orchestra, que estará dirixida pola prestixiosa directora Inma Shara. Este concerto, que se celebrará o 29 de decembro no auditorio do Balneario de Mondariz, reunirá a unha nutrida representación da vida política, económica, social e cultural de Galicia e dará comezo ós actos culturais do Xacobeo.
Entra no mundo da auga Mondaríz
Mensualmente publicamos o nos boletín Gándara, podes descargalos desde aquí.
© 2009 Aguas de Mondariz Fuente de Val S.A. Todos os dereitos reservados. Condiciones xerais. Diseño web ideup!