Entrar
Aguas de Mondariz destina o 100% das inversións efectuadas a actividades de Responsabilidade Social Corporativa

Son:

Aguas de Mondariz destina o 100% das inversións efectuadas a actividades de Responsabilidade Social Corporativa

06-05-2011

Segundo se desprende da Memoria de Sustentabilidade da compañía

• Aguas de Mondariz implementou nos dous últimos anos un total de 18 medidas orientadas á sustentabilidade do seu proceso produtivo, logrando reducir e optimizar de xeito considerable o consumo de materias primas e de enerxía.

• Reducir o consumo de produtos derivados do petróleo nunha cantidade equivalente ao consumo mundial durante máis dun minuto, evitar as emisións de CO2 á atmósfera que xerarían 766 familias españolas durante 5 anos ou aforrar unha cantidade de auga equivalente ao caudal na desembocadura do río Tea durante 32 horas son algunhas das melloras obtidas.

• A compañía logrou reducir os seus consumos en 9.500 toneladas de plástico, 36.000 toneladas de vidro e 335.600 litros de auga.

• Aguas de Mondariz é pioneira na obtención das certificacións internacionais de xestión de calidade ISO 9000 e medioambiental ISO 14001, así como EMAS III.

Mondariz, 06 de maio de 2011.- Aguas de Mondariz destinou o 100% das inversións realizadas en 2010 e 2011 a actividades de Responsabilidade Social Corporativa para favorecer a sustentabilidade do seu proceso produtivo, logrando reducir e optimizar de xeito considerable os consumos de materias primas e enerxía, segundo se desprende da súa Memoria de Sustentabilidade presentada hoxe.

Neste acto, no que participaron o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Ga¬licia, Agustín Hernández, o presidente da Fundación Mondariz Balneario, Javier Solano, o presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, a secretaria xeral de Aneabe (Asoc. Nacional de Empresas de Aguas de Bebida Envasadas), Irene Zafra, e a subdirectora xeral de Ecoembes (Ecoembalajes España), Carmen Sánchez, anunciouse ademais a recente concesión de fondos FEDER a Augas de Galicia e á Fundación Mondariz Balneario por importe de 1.700.000 euros, para o proxecto de recuperación da senda do río Tea. Este proxecto foi presentado por Aneabe á asociación europea de envasadores de auga EFBW (European Federation of Bottled Waters) como un proxecto exemplo de colaboración entre entidades públicas e privadas para a cooperación rexional. Ademais, ANEABE presentou algunhas das actuacións levadas a cabo polo sector en materia de medio ambiente e a sustentabilidade da industria.

Aguas de Mondariz priorizou dende os seus inicios a implementación de melloras medioambientais. Entre os principais logros obtidos destacan a redución do peso dos envases por botella fabricada nun 27%, a redución do consumo de auga por botella fabricada, pasando de 1,8 litros de auga para o envasado dun litro a tan só 1,15 litros, ou a xestión axeitada dos materiais auxiliares que se xeran no proceso produtivo (das 460 toneladas de materiais xestionados en 2008 pasouse a 376 toneladas en 2009).

Aguas de Mondariz implementou un total de 18 medidas orientadas a garantir a sustentabilidade do seu proceso produtivo. Grazas a estas logrouse reducir e optimizar de xeito considerable algúns parámetros, como por exemplo:

• A evolución dos envases de plástico permitiu reducir o consumo de PET en 3.500 toneladas no peso dos envases (o que equivalería a fabricar 17,4 millóns de camisetas XL).

• Grazas á introdución de melloras nos sistemas produtivos de envasado, recirculación e limpeza, logrouse reducir o consumo de arredor de 230 millóns de litros de auga durante os últimos 10 anos. Este aforro equivalería ao consumo de 92 millóns de persoas ou ao consumo de todos os habitantes de Galicia durante 33 días.

• A redución da gramaxe nas caixas de cartón permitiu reducir o consumo de cartón en máis de 100.000 quilos, o que equivale a evitar a tala de 549 árbores. Por outra banda, a reutilización das arcas de preformas logrou reducir o consumo de cartón en 128 toneladas anuais (deste xeito evitouse en 8 anos a tala de 5.109 árbores e a emisión á atmósfera de 919 toneladas de CO2).

• Grazas á introdución no mercado do “chapómetro” (recipientes destinados a recoller as chapas das botellas de vidro para o seu posterior reciclado), recuperáronse (para o seu posterior reciclado) 2 toneladas de aluminio, o que equivalería á fabricación de arredor de 136.850 latas de bebida.

• A redución do uso de tintas nas etiquetas dos envases PET supón unha redución do disolvente empregado de 7.050 quilogramos/ano (esta cantidade equivalería ás emisións dun avión comercial voando 3.100 quilómetros, ás emisións dun camión percorrendo 33.400 quilómetros ou ao potencial de absorción dese CO2 por parte de 83 árbores).

• Grazas á promoción de envases de gran capacidade, como fórmula para reducir a cantidade de envases postos no mercado, logrouse reducir o consumo de 1.710 toneladas no peso dos envases, o que equivalería á cantidade de residuos xerados ao ano por 1.543 vivendas de calquera zona rural de Galicia.

• A introdución dunha nova botella de vidro e caixa de 18 botellas permitiu que este novo formato de 750 cl supoña aumentar a capacidade por caixa un 12,5% (un 50% máis de envases por caixa), o que aporta unha eficiencia considerable en toda a cadea: almacén, transporte e reparto, á vez que ofrece aforro de espazo ao hostaleiro. É destacable a redución de emisión de CO2 por litro que representa este novo formato no seu transporte e distribución.

En definitiva, e grazas ás actuacións desenvolvidas durante os últimos anos, Aguas de Mondariz logrou reducir o consumo de materias primas e de enerxía en cantidades suficientes que permiten a redución de emisión á atmosfera de 18,9 toneladas de CO2.

Aguas de Mondariz, pioneira no desenvolvemento de melloras ambientais

Aguas de Mondariz priorizou dende os seus inicias a implementación de melloras ambientais, sendo unha compañía pioneira en moitas das actuacións levadas a cabo. De feito, Aguas de Mondariz caracterízase por ser a primeira envasadora de auga mineral natural en conseguir as certificacións internacionais de xestión de calidade ISO 9000 e medioambiental ISO 14001, e EMAS III.

4 compromisos fundamentais para reducir o impacto da actividade no contorno

Aguas de Mondariz é unha compañía que embotella e comercializa auga mineral natural de xeito sustentable. Dende o inicio da súa actividade, hai agora 137 anos, a compañía caracterizouse por unha actitude constante de respecto polo medio ambiente, polo ecosistema e pola natureza.

Para iso, a xestión diaria da compañía baséase en catro piares fundamentais: optimización dos procesos, buscando reducir o consumo de materias primas (dende a adopción de medidas de preservación do contorno do manancial, localizado dentro dun perímetro de protección mineira que abrangue 43.833.469,9 m2 de superficie, ás accións de mellora no ámbito da extracción, o bombeo e a condución da auga ata os depósitos de almacenamento, etc.); integración dos criterios de calidade e respecto medioambiental na toma de decisións da empresa (establecendo criterios de traballo, como a identificación dos consumos significativos para establecer accións encamiñadas á súa redución paulatina; minimización dos impactos ambientais asociados á actividade, produtos e servizos, e implantación dun sistema de tratamento de residuos orientado á busca da reutilización e o reciclado); involucración do entorno social (apoiando os grandes acontecementos culturais no ámbito galego —como a participación como entidade patrocinadora do Xacobeo 2010—, ou a promoción de actuacións sociais, educativas, culturais ou deportivas); e responder ás prioridades e valores dos consumidores (incorporando as súas suxestións no día a día da empresa e os seus produtos).

Sobre Aguas de Mondariz

Aguas de Mondariz é a compañía líder do mercado de envasado e comercialización de auga mineral natural no noroeste peninsular. A súa actividade abrangue tanto a área de alimentación como a de restauración, e esténdese a outros 29 países dos cinco continentes. É unha marca monomanancial con 137 anos de historia. As súas orixes están vinculadas á actividade balnearia e á explotación das augas mineromedicinais de Mondariz, que obtiveron en 1873 a Declaración de Utilidade Pública e que comezaron a comercializarse no ano 1877. A compañía embotella cada ano 98 millóns de litros de auga, que se comercializan en máis de 140 millóns de envases.
Para máis información:
Departamento de comunicación Aguas de Mondariz
Tlf. 91.521.18.00 / 687 80 73 27 / comunicacion@aguasdemondariz.com
www.aguasdemondariz.com

peso: 
5
fecha: 
Fri, 2011-05-06
catalogo_destacado: 
No
 
 
 

comentarios

© 2009 Aguas de Mondariz Fuente de Val S.L. Todos os dereitos reservados. Condiciones xerais.

Verisign