Son:
É a primeira compañía en firmar o acordo de patrocinio do Xubileo. Aguas de Mondariz será a auga oficial de todos os actos organizados polo Xacobeo 2010.
A imaxe do Xacobeo 2010 estará presente en tódalas accións que Aguas de Mondariz desenvolva nos 27 países nos que ten actividade.
O Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o Director Xeral de Aguas de Mondariz, Javier R. Losada, rubricaron hoxe en Mondariz un acordo de colaboración que converte a Aguas de Mondariz na primeira empresa en asinar o patrocinio oficial do Xacobeo 2010.

A través deste acordo, Aguas de Mondariz pasa a ser a auga oficial de tódolos actos que se desenvolvan ao longo de 2010 con motivo do Ano Santo compostelán.
Aguas de Mondariz aportará 500.000 euros para o patrocinio do evento e comprométese a colaborar activamente na realización, promoción e difusión do Xacobeo vencellando a súa actividade comercial e a súa imaxe corporativa ao Xacobeo 2010. A empresa difundirá e promocionará o Xacobeo a través de distintos medios e soportes (botellas de vidro, envases PET, caixas, etiquetas, papel, packs, publicidade…) ao longo dos anos 2009 e 2010. Estímase que o valor desta difusión promocional suporá unha inversión de máis de 12 millóns de euros.
O logotipo do Xacobeo 2010 estará presente en tódalas campañas de promoción da compañía e en tódalas botellas distribuídas por Aguas de Mondariz ata finais de 2010.
O Director Xeral de Aguas de Mondariz, Javier R. Losada, destacou que “para Aguas de Mondariz, como empresa galega comprometida co seu contorno, é unha honra ser a auga oficial do Xacobeo 2010 e ser a primeira compañía en firmar o patrocinio deste evento”. “Estamos seguros de que o Xacobeo será un elemento dinamizador da economía galega e queremos aportar o noso pequeno gran de area” afirmou.
As accións promocionais levadas a cabo por Aguas de Mondariz con motivo do Xacobeo 2010 permitirán que a imaxe do evento chegue aos 27 países nos que a compañía está presente. Esta mesma semana, Aguas de Mondariz participará na Feira Internacional Africa’s Big Seven, que se celebrará en Johannesburgo, cun stand no que xa estará presente a imaxe do Xacobeo 2010.
Mensualmente publicamos o nos boletín Gándara, podes descargalos desde aquí.
© 2009 Aguas de Mondariz Fuente de Val S.L. Todos os dereitos reservados. Condiciones xerais.
